Saturday 04 de May de 2024

A Xunta apoia con preto de 150.000 euros ao centro especial de emprego Aspaber, que en 2016 xenerou 48 postos de traballo


A empresa, radicada na comarca de Carballo, centra a súa actividade no coidado de estradas, xestión de puntos limpos e mantemento de centros educativos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro Especial de Emprego da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber), onde tivo a oportunidade de coñecer a labor que desenrola este centro e os ámbitos laborais nos que traballa. As persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social son un colectivo prioritario para o Goberno galego. Proba diso é que o orzamento neste ámbito reforzouse este ano nun 18%.

Desde hai máis de 40 anos, Aspaber traballa na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias. Conta cun centro ocupacional que ofrece atención aos seus usuarios e no que se facilita o desenvolvemento das capacidades residuais en áreas formativo-laborais e ocupacionais coa finalidade de conseguir un axuste persoal, social e laboral que os leve á súa integración e á normalización das súas condicións de vida. Así mesmo, a entidade conta cun centro de día que facilita apoios e servizos diversos, a través de actividades funcionais e significativas de tipo formativo, terapéutico, ocupacional e lúdico do que se benefician 30 persoas con discapacidade intelectual.

En concreto, no Centro Especial de Emprego xeran condicións laborais para a incorporación das persoas con discapacidade intelectual a un posto de traballo, levando a cabo cantas accións sexan adecuadas para ofrecer produtos e servizos competentes e de calidade dentro do mercado aberto nun marco de economía social. Deste xeito, os 48 traballadores adscritos a este centro, realizan tarefas de limpeza viaria, carpintería e escaiola e mantemento de edificios públicos. Aspaber xestiona na actualidade as concesións dos servizos de limpeza viaria nos Concellos de Carballo, A Laracha e Malpica; a xestión do Punto Limpo da Laracha e o servizo de limpeza dos centros educativos de Carballo. Tamén realiza actividades complementarias como a fabricación de palets, de placas de escaiola para teitos e labores de manipulación para outras empresas como Conservas Calvo, Grupo Voz, Galopín ou Saika Pack.

O delegado territorial da Xunta lembrou que a Xunta de Galicia mantén con Aspaber un concerto de 125 prazas no que investiu un millón de euros en 2016 e unha axuda ao Centro Especial de Emprego de preto de 150.000 euros. Destacou que o Goberno galego “non é alleo á importancia destes centros no desenvolvemento das persoas con discapacidade”, e insistiu en que “coordinarse con outras administracións e coas entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”.